Tuesday 17 de September de 2024

O Programa Integrado de Emprego da Laracha finaliza con éxito o curso de xestión de vendas, marketing directo e utilización das redes sociais na xestión comercial


A acción formativa, que constou de 100 horas, foi completada por quince persoas.

Concluíu a formación en Xestión de Vendas, Marketing Directo e Utilización das Redes Sociais na Xestión Comercial, un curso intensivo de 100 horas de duración organizado polo Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello da Laracha para o período 2023-2024.
Durante o último mes, 15 persoas participaron nesta acción formativa, que representa o sexto curso realizado dentro deste programa, deseñado para abordar as oportunidades laborais na Laracha e a súa área de influencia.

A clausura do curso contou coa participación de Paula de la Riera, quen desempeña o rol de Marketing & Communication para Galicia e Asturias en NTT DATA, multinacional xaponesa con máis de 20.000 empregados en España e máis de 190.000 en todo o mundo. De la Riera compartiu a súa ampla experiencia no sector e aportou valiosos consellos prácticos sobre marketing e vendas.

O Concello da Laracha, co apoio da Xunta de Galicia, continúa apostando polo desenvolvemento de políticas activas de emprego, poñendo en marcha iniciativas dirixidas a mellorar a formación das persoas en situación de desemprego. Estas accións teñen como finalidade aumentar as súas opcións de inserción no mercado laboral e responder eficazmente ás necesidades das empresas locais.